Mércores, 13 Abril 2011 02:00

Guerra adianta a posta en marcha dun fondo de capital risco para proxectos empresariais de I+D+i

O conselleiro de Economía e Industria participou no Foro de Investimento Galicia, organizado no marco do programa europeo AT-Venture, e destacou a importancia do programa de apoio á iniciativa emprendedora da Xunta, ao que a Consellería engadirá un novo fondo de capital risco para empresas de base tecnolóxico. Javier Guerra sinalou que "os fondos de investimento, xunto coas redes de business angels, representan hoxe unha alternativa de financiamento empresarial moi interesante".

foroinversion11 4Santiago, 13 de abril de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, acompañado polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, inaugurou hoxe o primeiro Foro de Investimento Galicia AT Venture, no que adiantou a habilitación dun novo fondo de capital risco para empresas de base tecnolóxica, orzado en 20 millóns de euros.

Javier Guerra, salientou que a Consellería de Economía e Industria puxo en marcha este Foro para localizar proxectos innovadores "con gran potencial de crecemento" e poñelos en contacto con investidores, tanto públicos como privados. O encontro, organizado polo Igape e Bic Galicia, forma parte do proxecto europeo At Venture, que une ás rexións atlánticas na tarefa de mellorar os mercados de capital risco.

ImageNeste sentido, o Conselleiro de Economía e Industria destacou a importancia do programa de apoio á iniciativa emprendedora do seu departamento, que inclúe liñas directas con subvencións a fondo perdido, como no caso do re-Emprende, ou para a concesión de préstamos avalados e subsidiados, ao amparo do re-Imaxina, así como fondos de capital risco xestionados por XesGalicia como: o Emprende, o Xes-Innova e o Xes-Posobilita. Programa ao que a Consellería, que dirixe Javier Guerra, engadirá un novo fondo de capital risco impulsado pola Dirección Xeral de I+D+i, para investir en iniciativas de base tecnolóxica.

O titular de Economía e Industria sinalou que "os fondos de investimento, xunto coas redes de 'business angels', representan hoxe unhas alternativas de financiamento empresarial moi interesantes", que fan necesaria a convocatoria deste primeiro Foro de Investimento Galicia 2011, celebrado coa colaboración das redes galegas de 'business angels': Uniban, Bang, InnoBan e RedInvest; e contando coa asistencia das sociedades de capital risco galegas públicas, semipúblicas ou privadas: Xesgalicia, Unirisco, Vigo Activo e Venture Well, e coa presenza de numerosos empresarios e investidores privados.

No encontro tivo lugar a presentación de 7 proxectos, escollidos entre mais de 60 iniciativas. Guerra destacou o "alto grao de compromiso" dos finalistas: Aqualgae, Argonáutica Grupo Náutico, Asired Servizos Telemáticos, Confirmsign, Hentopharma, Ikimap e Teimas Desenvolvemento, que en total investiron máis de 1 millón de euros , na posta en marcha das súas propostas.

Ademais, todos eles tiveron a oportunidade de validar e perfeccionar a presentación das súas iniciativas, no Taller de Presentación de Proxectos a Investidores da Venture Academy, que forma parte fundamental deste Foro. Deste xeito, os seleccionados expuxeron proxectos do máximo interese, para as ramas de actividade relacionadas coa acuicultura e biotecnoloxía, o control e xestión de residuos, a náutica, o turismo e as novas tecnoloxías da comunicación.

O conselleiro tamén sinalou a importancia da campaña de convocatoria e información, que se ten posto en marcha contando coa web http://www.foroinversiongalicia.com e coas redes sociais de Facebook e Twitter, que sumaron preto de 400 seguidores. Ao tempo que avanzou a apertura dunha canle en Yotube, ao que se subirán os vídeos da xornada e as entrevistas realizadas sobre os proxectos finalistas, así como as fotografías do Foro, en Flickr.

O encontro albergou tamén a celebración dunha mesa redonda, coa participación de membros de redes de investidores en Galicia como Bang, Uniban, RedInvest ou InnoBan e mais unha conferencia sobre as claves que fan un proxecto atractivo para os investidores, de Alejandro Suárez Sánchez-Ocaña, empresario e "business angel".

O Foro de Investimento Galicia desenvólvese no marco do programa europeo AT Venture que persegue a promoción e desenvolvemento de empresas innovadoras, así como a súa difusión e mellora do acceso aos instrumentos de financiamento destas start-ups, especialmente sociedades e redes de investimento privado.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios